Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta inviste máis de 1,4M€ en 2022 para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero nos concellos galegos


― O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas axudas que as entidades locais poden solicitar desde mañá e ao longo dun mes

― O Goberno autonómico financia as retribucións salariais brutas totais das mulleres durante un máximo de doce meses nas entidades que as contraten para realizar obras ou servizos de interese social ou xeral

― Con esta liña, desde o ano 2019, un total de 227 mulleres incorporáronse aos concellos, supondo as axudas un importe global próximo aos 5 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a convocatoria das axudas -cun orzamento total de 1,4 millóns de euros- que a Xunta destina a sufragar a contratación neste 2022 de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte de entidades locais (concellos, grupos de municipios, consorcios ou mancomunidades). O prazo de solicitude ábrese mañá e será dun mes.

Para a Xunta, a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral. A convocatoria que hoxe recolle o DOG supón un paso máis no camiño da recuperación ao artellar axudas dirixidas ás entidades locais para que contraten a mulleres que sofren violencia de xénero e que, a curto prazo, non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.

O Goberno galego financia deste xeito a contratación das mulleres vítimas por parte dos entes locais ou agrupacións de municipios, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social. De resultar beneficiarios, recibirán a contía necesaria para sufragar as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora das mulleres incorporadas, ata un máximo de 12 mensualidades.

As destinatarias finais serán mulleres que sofren violencia de xénero, incluídas as mulleres vítimas de violencia vicaria ou de trata con fins de explotación sexual que consten como inscritas como demandantes de emprego ou teñan solicitada mellora de emprego por medio do Servizo Público de Emprego de Galicia. Trátase de axudalas a acadar unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia e liderado, reforzando ao tempo unha posterior inserción laboral estable.
Desde o ano 2019 a Xunta apoiou a través desta liña a contratación de 227 mulleres vítimas de violencia de xénero por parte das entidades locais, destinando a esta finalidade case cinco millóns de euros.